Friday 17 de May de 2024

Belén do Campo reúnese cos representantes da Asociación Parkinson Galicia-Coruña para coñecer de primeira man as súas necesidades


A delegada territorial da Xunta na provincia trasladou a colaboración do Goberno galego na busca dunha nova sede que permita á entidade continuar a prestar asistencia aos pacientes e ás súas familias

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, mantivo unha reunión cos representantes da Asociación Parkinson Galicia-Coruña para coñecer de primeira man as súas necesidades.Ao encontro celebrado na sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña acudiron a presidenta da entidade, Ana Vidal, e varios membros da xunta directiva.

A delegada amosouse interesada polas iniciativas que desenvolve a formación a prol do colectivo de persoas con este tipo de doenza. A organización, creada en 1996 e con máis de medio millar de socios, promove desde o seu nacemento accións encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos enfermos e dos seus familiares.

A través da entidade, que é membro da Federación Española de Parkinson, ofrécense diversos servizos terapéuticos, como os de fisioterapia, de logopedia ou de estimulación cognitiva, así como outros obradoiros formativos e lúdicos.

Neste senso, a representante da entidade explicoulle a necesidade de atopar unhas novas instalacións na cidade da Coruña para trasladar a súa sede, co fin de seguir a prestar nas mellores condicións estes servizos aos pacientes e aos seus familiares. A delegada territorial, pola súa banda, trasladou a vontade do departamento autonómico de colaborar nesta tarefa e de traballar a prol da busca dun novo local.

Asimesmo, a máxima representante da Xunta na Coruña expresou o seu compromiso para continuar coa cooperación na asistencia ás persoas que padecen párkinson, a través das diferentes consellerías, como é o caso da de Traballo e Benestar, que nos últimos anos ven de destinar á asociación unha achega anual de preto de 18.000 euros para a contratación de varios profesionais.

A reunión enmárcase na rolda de contactos que de xeito habitual mantén por Do Campo coas entidades que desenvolven a súa labor social na provincia, co obxectivo de estreitar a colaboración do Goberno galego con este tipo de organizacións para mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns. Na mesma liña, a delegada expresou a súa disposición a traballar para favorecer a cooperación de outras institucións e a implicación tamén das administracións locais con estas tarefas asistenciais.